-En que consiste este programa “Aulas sen fume” para desincentivar o tabaquismo dentro da xente nova?
Este programa consiste en desenvolver unha serie de unidades didácticas durante todo o curso. Enfócase nas consecuencias de comezar a fumar en idades tan temperás ademais de combater o tabaquismo en xeral. Dentro do concurso inserido no programa pídenos primeiro crear un eslogan que é unha actividade de debuxo. Así representamos ese lema de non fumar mediante imaxes e palabras. Esa é a primeira actividade do concurso. Hai unha segunda actividade que é audiovisual, moi creativa, libre e cada quen pode crear o que desexe. Nós fixemos un programa de radio aproveitando a radio escolar do centro.
-Dentro do IES Perdouro como valoras a incidencia do tabaquismo nos mozos e mozas que fuman?
Considero que a cantidade de persoas novas fumadoras no centro son menos que cando eu era estudante. Aínda así, segue habendo un número importante de mozos e mozas con quince ou dezaseis anos que comezan a fumar quizais por aceptación social, por dicir “son máis adulto”, “son máis guai ca ti…”. Aínda así, a pesar de que o número de mozos e mozas fumadoras é menor segue habendo unha idea de que o tabaco é algo como “son algo máis ca ti porque son máis maior”. De aí que traballemos cos cursos de 1º e 2º da ESO para que non vexan que fuar os transforma en “máis guai”.
-Pensaba que esa idea de fumar por ser “mellor” xa non existía, simplemente se fuma porque se fuma.
Creo que cando fumas non pensas as consecuencias a onde te pode levar, depende da contorna social onde te movas e dependerá tamén se os teus amigos e a túa familia fuma. En función a iso as persoas responden. Porén, se recibes desde neno a información sobre o tabaco e as consecuencias que pode levar, dalgunha maneira espero que lles quede gravado para pensaren nos prexuízos de fumar.
-Inflúe máis que os pais sexan fumadores ou é máis o ambiente?
Considero que todo inflúe. Se na túa casa levas toda a vida vendo fumar e está normalizado, non che vai estrañar. Se tamén te moves nun ambiente onde se fuma tamén estás metido un pouco nese círculo. Mais se na túa familia non se fumou nunca, se de súpeto tes un amigo que fuma, os teus pais serán máis esixentes. Cantos máis referentes teñas que fumen máis normalizado o terás na túa vida.
-Cales son os pasos que se derá neste concurso?
Esta xa era a última proba. Primeiro asinamos un compromiso polo que durante seis meses ningún dos participantes fumará, na miña aula este ano case ningún neno fumara nin comezara a fumar e iso facilitounos as cousas. Logo imos traballando todas as titorías todo o curso con materiais e a primeira proba era o eslogan e logo a actividade audiovisual. Entre mentres, viñeron dar unhas conferencias desde a Consellería de Sanidade para medir a capacidade pulmonar. Porque se ti non fumas mais a túa familia fuma, tes contacto co tabaco e a túa capacidade pulmonar é máis reducida que a doutras persoas. Esta era a última pobra, a Consellería contacta uns días antes cos centros gañadores e despois realízase un acto en Santiago onde se ven todos os vídeos e o eslogan gañador e a entrega de premios.