InicioEconomíaMartín Berasategui chega a Burela para promocionar a súa pescada do pincho

Martín Berasategui chega a Burela para promocionar a súa pescada do pincho

O chef, que na noite do mércores ceou por primeira vez a bordo dun barco pesqueiro, asistiu desde as 6 da mañá á poxa de pescada na lonxa de Burela, podendo comprobar en primeira persoa a calidade do produto e intercambiar impresións con armadores, compradores e exportadores de peixe.

Publicada o

- Advertisement -

A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela celebrou este xoves 10 de agosto un acto de promoción e divulgación da ‘Merluza D& Burela’ que contou coa participación estelar de Martín Berasategui, asesor gastronómico da marca e cociñeiro español con maior recoñecemento nacional e internacional, con 12 Estrelas Michelín e 12 Soles Repsol.

O chef, que na noite do mércores ceou por primeira vez a bordo dun barco pesqueiro, asistiu desde as 6 da mañá á poxa de pescada na lonxa de Burela, podendo comprobar en primeira persoa a calidade do produto e intercambiar impresións con armadores, compradores e exportadores de peixe. Martín Berasategui estivo acompañado polos presidentes e xerentes de ABSA e OPP-7, Juan José Otero, Abelardo Basanta, Miguel Neira e Sergio López, xunto a outros directivos de ambas entidades.

Ás 8:30h uniuse o grupo de autoridades encabezado polo conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares; a xefa territorial da Consellería do Mar, Marina Gueimunde; o delegado territorial da Xunta de Galicia, Javier Arias; a alcaldesa de Burela e presidenta da Fundación Expomar, Carmela López; o concelleiro do Mar de Burela, Ramiro Fernández; o patrón maior da Confraría de Pescadores de Burela e presidente da Federación Nacional de Confrarías, Basilio Otero; ou o presidente de Hostalería de Galicia, Cheché Real; ademais de socios e directivos tanto da OPP como de Absa e outros representantes políticos e do sector pesqueiro da zona.

A comitiva realizou unha breve visita á lonxa e visitaron un buque palangreiro atracado no porto de Burela para coñecer de primeira man como se realiza a bordo a pesca da pescada do picho. Regino Basanta, armador do buque Idurre Berria, socio de ABSA e OPP, explicou os detalles da pesca coa arte do palangre de fondo.

A xornada finalizou no salón de actos de ABSA co primeiro acto de divulgación de ‘Merluza D& Burela’ que se celebra en Burela para os seus socios e para o público xeral, despois de moitas outras presentacións de produto noutras cidades de España.

Miguel Neira, xerente de Armadores de Burela, deu a benvida ao acto e destacou a honra que significa para Burela ter aquí a unha figura tan internacional como Berasategui. Tamén lembrou a anécdota de como se xestou o prato de merluza de Burela que se serviu a Robert de Niro naquel mítico “menú impagable” de Madrid Fusión. A continuación Sergio López, xerente da OPP-7 Burela, encargouse de facer unha presentación das principais campañas de promoción realizadas nos últimos anos con marca ‘Merluza D& Burela’.

Celebrou o aniversario centenario que cumpre este ano o Porto de Burela e explicou os diferentes tipos de frotas socias da OP, poñendo o acento na ecoetiqueta ‘Pescaenverde’ que converte á frota de altura de Burela na primeira certificada polo seu baixo impacto ambiental. E finalmente amosou pezas dalgunhas das principais accións e campañas de promoción de ‘Merluza D& Burela’ e ‘Peixe de Burela’.

Pola súa banda, o conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, insistiu na importancia da soberanía alimentaria para calquera país, fronte a falsos discursos medioambientalistas; e destacou o corazón que pon no seu traballo a xente do mar de Galicia, que é a principal rexión produtora de peixe de Europa. Pechou o acto Martín Berasategui, encumbrado xa como gran “Embaixador da Merluza D& Burela” e lucindo unha nova chaquetiña que proclama o seu “Amor ao Mar”, a Burela, a Galicia, ás súas xentes e, sobre todo, ó seu peixe.

Como primicia anunciou o novo prato creado polo 30 aniversario do seu restaurante de Lasarte: “Lombo de Merluza D& Burela con cocochas, leite de améndoa e esencia de percebe”. O chef lembrou a orixe do seu lema “Garrote” e os seus inicios humildes no Bodegón Alejandro de San Sebastián co que logrou aquela histórica primeira estrela Michelín das 12 que agora ostentan os seus restaurantes. A maior demanda que lanzou Berasategui foi que nas escolas deberían ensinar aos nenos a alimentarse doutra maneira, con produtos máis frescos e máis saudables, aproveitando a calidade de produtos propios como a pescada do pincho que pescan as frotas de Burela.

E deixou Burela prometendo apoiar con “triplo garrote” aos sectores primarios españois, despois de coñecer en primeira persoa o esforzo e a dedicación da xente do mar de Burela: “A gastronomía mundial non sería nada sen a xente que se esforza no seu traballo como facedes os pescadores de Burela”. Esta acción está cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMPA, e inclúese no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.

ÚLTIMAS

Detido en Ribadeo o presunto autor dun roubo con forza na casa dun familiar

A Garda Civil detivo na localidade lucense de Ribadeo un veciño de Trabada, de...

A Carreira de Reis en Barreiros recadou 600€ para a asociación Saúde Mental A Mariña

A Carreira solidaria de Reis, organizada polo Concello de Barreiros, logra recadar 667 euros...

Balance positivo de ACISA da XIV Festa do Comercio en Ribadeo

Acisa fai un balance moi positivo da XIV Festa do Comercio, que reuniu o...

O 2 de marzo partirá de Ribadeo a IV Edición da Peregrinación ‘O Camiño do Mar Concello a Concello’

O vindeiro 2 de marzo partirá de Ribadeo a cuarta edición da peregrinación O...