-Cales son os principais puntos que distinguen esta nova edición da Carreira Burela Bonita?
Esta é a VII Edición e para min a primeira como concelleiro de Deportes. Despois de ver que as anteriores edicións tiveron éxito e resultaron moi positivas para Burela, decidimos seguir para adiante con este evento.
-Nesta carreira pode presentarse quen desexe?
Esta é unha carreira aberta a todo o mundo, aínda así, estase perfilando o regulamento polo de agora e cando estea preparado daremos a coñecer todos detalles.
-O percorrido segue sendo o mesmo que edicións anteriores?
Si, sae desde a Praza da Mariña até a praia de Ril pola estrada e despois volven polo paseo marítimo. O percorrido é moi chan, apenas hai costas, vaise polo casco urbano mais non entorpece o transcorrer das necesidades da cidadanía.
-Hai moita xente nova participando nesta carreira?
O ano pasado a participación era dunhas 250 persoas dividas en categorías segundo a súa idade. Hai participantes que veñen a competir e outros, moitos, fano por pasar un bo momento.
-E vostede participará?
Eu vou correr de cando en vez, mais non, non vou participar nesta carreira. Se me gustaría? Si, mais non adestrei suficiente e por tanto non podo afrontar de momento ese esforzo.
-A proba celebrarase o 29 de xullo. Isto faise por un motivo especial ou é algo aleatorio?
É así desde o primeiro evento. O motivo é que durante as outras fins de semanas había competicións noutros lugares da Mariña e observouse que o 29 de xullo era unha data que permitía a celebración da Carreira Burela Bonita.
-Esta carreira pode transmitirlle a vostede como concelleiro de Deportes a creación doutras actividades deportivas na vila?
A nosa idea é fomentar o maior número de eventos posibles. En tal caso, o que si quero é continuar o traballo desenvolvido polo meu antecesor no posto, Ramiro Fernández, e se é posible, mellorar todo aquilo que se poida mellorar.
-Gustaríalles que Burela tivese un equipo de atletismo e destacase como destaca o fútbol sala feminino do concello?
Claro que me gustaría, o mesmo que un equipo de baloncesto ou doutras disciplinas. O atletismo está renacendo en Burela a ver se conseguimos que poda ir para adiante. Iso significa que daremos os mesmos apoios desde o Concello como ao resto dos equipos que compiten, ese apoio son cuestións loxísticas e outro tipo de colaboracións, por tanto, toda inquietude deportiva que haxa tentaremos que saia para adiante.
-Gustaríalles que Burela tivese unha escola deportiva nalgunha disciplina concreta e transformar a vila nun referente nese deporte?
Gustaríanos axudar á xente de Burela para sacar adiante as súas iniciativas na medida do posible. Aínda así, é complicado chegar ao máximo nivel mais nós, desde o Concello, faremos o posible por axudar a todos, tentarémolo.