InicioCentralAlfozJorge Val, alcalde de Alfoz: "Creo que o proxecto de impacto ambiental...

Jorge Val, alcalde de Alfoz: “Creo que o proxecto de impacto ambiental contemplaría todas as correccións necesarias”

O alcalde de Alfoz, Jorge Val, declara que as diferentes alegacións presentadas sobre o proxecto hidroeléctrico do Xistral son, polo momento, un paso antes do informe de impacto ambiental. O vindeiro 9 de marzo finaliza o período para a presentación de alegacións. En tal caso, Val sinala que Alfoz só estaría afectado pola presa de maneira tanxencial, sen ocupar porcións elevadas de terreo.

Publicada o

- Advertisement -

-Cales son as alegacións que presenta o Concello de Alfoz ao proxecto da central hidroeléctrica Xistral?

Presentamos unha serie de alegacións relacionadas coa paisaxe e tamén sobre infraestruturas debido ás instalacións de traída de auga que van paralelas ás estradas locais. Buscamos ter en conta estes puntos que se engadirán no informe de impacto ambiental cando se presente o proxecto. Ademais, debemos engadir o estudo socioeconómico debido ao noso descoñecemento sobre o impacto económico sobre o concello.

-Alfoz veríase moi afectado polas balsas de auga proxectadas?

Unha delas non afecta, a balsa máis elevada. A balsa de abaixo está case nos límites do Concello de Alfoz. Esta afecta sobre todo ao Valadouro, en Alfoz achegaríase ao barrio da Grela. Por iso as nosas alegacións van relacionadas co impacto paisaxístico, o relacionado coas obras e o acceso ás fincas porque, se se materializan as balsas, haberá cambios para poder acceder aos terreos. Por tanto queremos que se teña en conta todo isto.

-Entón habería propiedades afectadas pola inundación das balsas? Saben cal sería a superficie afectada?

Non, porque de momento non temos coñecemento de que superficie podería verse afectada até o momento en que se faga o levantamento topográfico do terreo e os viais. Ademais, non temos acceso a esas propiedades polo tema do catastro. Por outra parte, o proxecto presentado é orientativo e por tanto descoñecemos con exactitude cal é a zona afectada. Non hai nada concreto.

as nosas alegacións van relacionadas co impacto paisaxístico, o relacionado coas obras e o acceso ás fincas

-A empresa Proyectos del Malache presentou tres alternativas: 0, 1 e 2. As tres propostas teñen en conta as peticións do Concello de Alfoz en caso de materializarse algunha delas?

Primeiro, non creo que sexan inviables porque non afectan á Rede Natura. O impacto sería moi superior se estivese por exemplo en zonas húmidas ou de turbeira. Esta zona elixida pola empresa é a de menor impacto medioambiental. Se o problema é que se achega máis ás vivendas que outros proxectos. Entón estamos falando dun impacto paisaxístico. Se fose en zonas de turbeiras, insisto, o impacto sería maior.

-Augas de Galicia xa dixera aos anteriores proxectos presentados pola empresa?

Non teño o informe de Augas de Galicia. O que vin na prensa é unha resolución moi ambigua sobre certos regatos, algo que se podería corrixir. Por tanto, o informe de Augas de Galicia non é algo definitivo sobre afectación como a interrupción de cauces de regatos. Isto último pode solvertarse. Creo que o proxecto de impacto ambiental contemplaría todas as correccións necesarias, así pois, o informe de Augas de Galicia foi unha maneira de non mollarse moito.

o proxecto presentado é orientativo e por tanto descoñecemos con exactitude cal é a zona afectada

-Se lle preguntase sobre os impactos positivos e os negativos, que podería responderme?

Non teño datos para responderche. Habería que coñecer todo o relativo ao impacto ambiental e o proxecto de obra para calcular os recursos que xenera ao Concello, logo o que xeraría a actividade e o IBI e os de construción. Aínda así, sen os datos da obra e o pago das taxas de construción, IBI e outros conceptos, non podemos avaliar cal é a evolución desta obra. Como calquera obra, hai uns impactos visuais para os que pedimos seren corrixidos. Ademais, non podemos pronunciarnos sobre aquilo que non é competencia do Concello. Se están outorgadas todas as autorizacións das entidades superiores, non podemos dicir que non, iso sería incumprir a lei.

-Na reunión informativa a finais de febreiro entre Concello e veciñanza, cal era o ambiente que puido sentir durante o encontro?

O ambiente entre a maioría da veciñanza era positivo pois eran persoas que viñan buscar información. Logo houbo quen levou as cousas ao terreo político confundindo todo, pois comezaron a falar de cousas que non figuraban entre os puntos daquela reunión. Parte da xente foise por quedaren decepcionados ao ver esa deriva política que debera darse noutros lugares e circunstancias. Fomos ofrecer información e datos, mais houbo quen en vez de informar parecía estar desinformando. Nós estabamos ofrecendo os datos que temos porque hai outros sobre os cales non temos toda a información técnica necesaria. Sobre o posicionamento, nós non podemos dicir si ou non, estamos para cumprir a lei. Eu mesmo, como persoa, podo ter unha opinión, mais como alcalde debo ter unha postura para cumprir a lei, guste ou non.

o informe de Augas de Galicia foi unha maneira de non mollarse moito

-Decepcionado entón coa postura da oposición?

Si porque perderon unha oportunidade de presentar alegacións ao Concello. Non vin ningunha proposta e só foron a quentar o ambiente para sacar rédito político.

-Foron así todos os partidos da oposición?

BNG non tanto, mais si os do PP e os de Vía Alfoz. Estes dous últimos non aportaron nada ao documento presentado polo Concello. A Plataforma de Veciños si presentou un documento que pode ser mellor ou peor, pero presentaron e nós tramitamos.

-Alfoz e O Valadouro coinciden nos mesmos termos para afrontar este proxecto?

O proxecto nace por decisión dunha empresa para instalarse aquí, presentaron o tema aquí, por tanto foi algo presentado baixo criterios empresariais e non municipais. Daquela a forma de afrontalo é cumprindo a lei. Se fose unha iniciativa municipal pois habería que seguir outros camiños. Aos concellos tócalles cumprir a lei.

ÚLTIMAS

Carlos López, Biathle: “A idea é fomentar que os máis novos sintan atracción polo pentathlon”

-Por que se escolleu San Cibrao para levar adiante estas probas de Biatle-Triathle? Xa se...

Tsunami de ‘metal’ na Mariña co Resurrection Fest para a vindeira semana

A decimonovena edición do Resurrection Fest, o festival de metal, rock, punk e hardcore...

Cinco alumnos do IES de Foz foron convocados para a Megabau na Coruña

Cinco alumnos do IES de Foz foron convocados este venres (21 de xuño) para...

Lourenzá abre unha exposición arredor dos campos de concentración nazis

A Sala de Exposicións do Concello de Lourenzá alberga unha mostra sobre os campos...