A Festa dos Chóferes de Alfoz atópase nun momento significativo. Coa súa 60ª edición, esta celebración posicionouse como unha das citas de maior presenza e identidade de todo o norte da provincia de Lugo. O seu cometido fundamental é render homenaxe ao sector do transporte da zona, reunindo a veciñanza e visitantes arredor da música, a convivencia e a paixón polo motor, constituíndo ademais un importante atractivo turístico e un elemento de identidade para o municipio.
A orixe desta emblemática cita remóntase seis décadas atrás grazas á iniciativa de varios empresarios pioneiros. Entre eles Transportes Geada (Burela), quen transportaba peixe do porto xunto a Perona cara a Madrid. A el sumáronse o fundador de Construdeco, que arrancou tras adquirir camións, a empresa de carrocerías Hermanos Rega e o propietar da ‘bloquera’ de Alfoz. Naquela época, os camións Pegasos eran os grandes protagonistas. Co paso dos anos, a festa foi desenvolvéndose e transmitíndose de xeración en xeración, mantendo vivo un rito orixinal que mantén a súa esencia.
Hoxe en día, a organización da festa corre a cargo da Asociación Cultural Xuvenil O Castelo, cuxa directiva prepara cada detalle da cita. O evento conta co apoio do Concello de Alfoz, da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. A achega provincial, de máis de 9.000 euros, financia a contratación musical, un servizo de ambulancia, un libro conmemorativo do 60 aniversario e unha exposición fotográfica retrospectiva ao aire libre sobre o cambio xeracional da festa. A celebración esténdese ao longo de catro días, de xoves a domingo, no Campo da Festa de San Pedro de Mor, onde se habilita unha carpa con mesas e zona de acampada.
A programación musical e festiva arrancou o xoves coa discoteca móbil Eventec e a orquestra París de Noia, xunto co inicio das acampadas. O sábado inclúe sesión vermú a mediodía, xogos tradicionais pola tarde e verbena nocturna coa orquestra Alianza e o Grupo Bomba. O domingo acada a máxima expresión co acto central dende as 12:00 horas: a procesión polas parroquias duns 30 camións (a maioría do transporte de madeira, pero tamén de construción ou grúas) xunto a coches particulares, clásicos e motos de Alfoz e concellos como Lourenzá, Burela ou Ourol. A comitiva sitúase na estrada principal para a bendición individual do párroco local, seguida da misa, a entrega de premios aos participantes máis destacados, a sesión vermú, a actuación da charanga Mekánika sobre as 19:00 horas e o peche coa orquestra La Tremenda.
