InicioCentralAlfozAs necesidades de Alfoz foron abordadas entre a alcaldesa e a presidenta...

As necesidades de Alfoz foron abordadas entre a alcaldesa e a presidenta da Deputación

No ámbito das infraestruturas viarias, o goberno municipal puxo sobre a mesa a necesidade de actuar en diferentes puntos da rede provincial ao seu paso polo concello, facendo especial fincapé no arranxo de pontes en varias parroquias e na mellora da seguridade mediante a instalación de barandas e quitamedos

Publicada o

- Advertisement -

 

A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, mantivo este xoves unha reunión de traballo coa presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, no Pazo de San Marcos, na que se trasladaron demandas prioritarias do municipio en materia de estradas provinciais, Servizo de Axuda no Fogar (SAF), emprego e mellora de equipamentos municipais. No encontro tamén participou o concelleiro de Educación, Igualdade e Participación, Eliseo Lorenzo, xunto coa xefa de gabinete da institución provincial, Silvia Pigueiras.

No ámbito das infraestruturas viarias, o goberno municipal puxo sobre a mesa a necesidade de actuar en diferentes puntos da rede provincial ao seu paso polo concello, facendo especial fincapé no arranxo de pontes en varias parroquias e na mellora da seguridade mediante a instalación de barandas e quitamedos. Así mesmo, solicitouse intensificar os labores de limpeza de cunetas, o pintado das vías e unha maior axilidade e coordinación na cooperación da Deputación cos concellos.

En materia social, trasladouse a necesidade de mellorar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, solicitando o establecemento dun prezo mínimo que teña en conta a intensidade do servizo, así como a transformación do actual plan de fomento de emprego nun verdadeiro plan de emprego que favoreza a inserción laboral garantindo a estabilidade das administracións locais.

Durante a xuntanza tamén se abordou a situación das antigas escolas municipais das parroquias, espazos moi utilizados polo tecido asociativo e veciñal, para os que se solicitou a colaboración da Deputación co obxectivo de acometer actuacións de mellora e conservación.

A alcaldesa, Efigenia Maseda, valorou moi positivamente o encontro, destacando “a boa predisposición da nova presidenta da Deputación, que amosou unha actitude próxima, aberta ao diálogo e comprometida coas necesidades do noso concello”. Neste sentido, subliñou tamén “o cambio cara a unha forma de traballo máis cercana e renovada, que facilita o entendemento e a colaboración institucional”.

O Concello de Alfoz continuará traballando e defendendo ante as distintas administracións aquelas actuacións que resultan fundamentais para mellorar a calidade de vida da veciñanza e avanzar no desenvolvemento do municipio.

ÚLTIMAS

Cervo celebra o Día Mundial do Medio Ambiente coa comunidade educativa

O Concello de Cervo conmemorou este venres o Día Mundial do Medio Ambiente cun...

Ton Blanco: “En Galicia non houbo guerra, houbo unha represión e unha depuración moi duras”

-Coñécese ou tense información sobre o perfil das persoas que foron fusiladas e que...

Continúan os labores de extinción nun edificio de Ribadeo

Os equipos de Emerxencias continúan traballando na extinción dun incendio declarado hai máis de...

Burela leva a Feira do Bonito a Festur 2026

O Concello de Burela participa un ano máis en Festur, a Feira de Festas de Interese Turístico que se celebra no recinto feiral de...