InicioM.ambiente e PatrimonioA Xunta custeará 82 socorristas en xullo e agosto

A Xunta custeará 82 socorristas en xullo e agosto

Barreiros, con 19, e Foz, con 16 profesionais, serán os concellos mariñaos con máis prazas

Publicada o

- Advertisement -

A Xunta de Galicia subvencionará un total de 82 prazas de socorristas na comarca da Mariña para os meses de xullo e agosto. O Executivo autonómico, a través do plan de cooperación cos concellos, incentivará a contratación de 110 profesionais na provincia de Lugo, o que suporá un custo que supera os 314.000 euros.

Así o anunciou nunha rolda de prensa o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro. O Goberno galego financiará na comarca un número de prazas similar ao do ano pasado (81) e este ano adiantou o anuncio das axudas un mes, o que pode facilitar aos concellos a contratación dos socorristas, dada a escasez de candidatos que se presenta nos últimos anos a estes postos de traballo.

O ANUNCIO DAS AXUDAS ADIANTOUSE UN MES, O QUE PODE FAVORECER A CONTRATACIÓN

Barreiros será, con 19, o concello con máis vixiantes subvencionados. O goberno local, segundo apuntou o alcalde, Alfonso Fuente Parga, destinará fondos municipais para alcanzar unha previsión de 21 socorristas e dous profesionais sanitarios. Foz disporá de 16 prazas incentivadas pola Xunta e prevé contratar polo menos cinco persoas máis. Os concellos de O Vicedo -con seis postos-, Xove -con outros seis- e Cervo -que contará con sete-, terán os postos solicitados. O alcalde cervense, Alfonso Villares, estudará co goberno local ampliar o cupo se é necesario e hai demanda de traballo, coa intención de abrir a piscina de Río Covo

BURELA E VIVEIRO, CRÍTICOS

Viveiro recibirá subvención para outros sete profesionais, algo insuficiente para a alcaldesa, María Loureiro, que asegura que o concello precisaría dous máis, polo que fará unha modificación orzamentaria para cubrir esa necesidade. A rexedora valora “a atelación coa que se comunicaron este ano as subvencións”, pero agardaba “máis prazas para unha comarca como A Mariña e para un municipio do potencial turístico do noso”.

RIBADEO TIÑA “MÁIS AXUDA COMPROMETIDA VERBALMENTE”

O alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia, móstrase “sorprendido” porque, dados os problemas de seguridade que houbo na praia das Catedrais, “tiña o compromiso verbal de que teriamos máis axuda, pero quedamos con sete, os mesmos ca en 2017 e un menos ca no 2016. Pedimos, ademais, servizo para tres meses e só o teremos para dous. Así que Ribadeo terá que facer un esforzo económico ata chegar aos 23 profesionais que precisamos, entre socorristas e sanitarios”, asegurou. Alfredo Llano, rexedor de Burela, contaba “con dez socorristas para tres meses e quedamos con sete para dous meses”, polo que ve “escasa” a achega da Xunta.

A cantidade de socorristas é vital para os concellos do litoral pola seguridade nos areais nunha época de fluxo turístico, e tamén de cara á súa imaxe no exterior, dado que supón unha das esixencias para conservar distintivos de calidade das praias, como Q de Calidad bandeira azul.

PISCINAS

Alfoz, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Riotorto, Trabada e Lourenzá contarán cunha praza de socorrista para piscinas municipais, o que fai un total de 82 vixiantes custeados polo Goberno galego na bisbarra, cun investimento de 257.516 euros. 

OUTRAS ACHEGAS

Ademais do plan de cooperación cos concellos para a contratación de socorristas, a Xunta investirá 1,3 millóns de euros no programa Aprol Rural, que servirá para contratar durante nove meses a 120 persoas na provincia, que realizarán tarefas de valorización do sector forestal.

O plan para a contratación de preceptores da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) subvencionará un total de 116 empregos nos 36 concellos lucenses demandantes, cunha achega de case un millón de euros.

Os concellos terán de data límite para incorporar os traballadores o 1 de xullo.

ÚLTIMAS

As Festas do Carme en Porcillán contarán coa colaboración do Concello de Ribadeo

Do 19 ao 21 de xullo celébranse en Porcillán as festas do Carme, que...

Viveiro presenta unha APP que permite ver en 3D as antigas portas da vila

O Concello de Viveiro presentou esta mañá a súa nova APP, que permite experiencias...

X Edición da 1/2 km Vertical Monte Comado en Barreiros

O vindeiro domingo, 21 de xullo, Barreiros acollerá a décima edición da carreira popular...

As xornadas de Historia da Pomba do Arco en Foz abordarán desde a romanización até o nazismo

A casa da cultura Poeta Manuel María de Foz acolle entre 29 de xullo...