InicioCentralO xuíz Luís Villares pide absterse do tribunal dun parque eólico en...

O xuíz Luís Villares pide absterse do tribunal dun parque eólico en Mondoñedo que criticou como parlamentario

"A miña intervención non foi unha crítica política máis ou menos xeral, senón particularizada", xustifica o maxistrado.

Publicada o

- Advertisement -

O maxistrado da sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) Luís Villares pediu absterse e non participar en resolucións relativas á execución das sentenzas firmes do alto tribunal galego, ratificadas polo Tribunal Supremo, que anularon os proxectos do parque eólico Sasdónigas, situado no municipio de Mondoñedo.

O xuíz Luís Villares non integrou o tribunal que derrogou o parque eólico ao que deu luz verde a Xunta, pero si lle foi turnado o procedemento para a súa execución. Con todo, comunicou ao resto de maxistrados da Sala que entende que debe absterse porque cando foi parlamentario na Cámara galega –entre 2016 e 2020–, á fronte de En Marea, reuniuse cun colectivo de afectados polo proxecto de construción das instalacións de Sasdónigas, e realizou “manifestacións públicas de respaldo aos motivos que, en concreto, ese grupo sostiña nese procedemento”.

Villares engade que, a diferenza doutras ocasións nas que as súas manifestacións respecto á política enerxética tiñan “un carácter xeral encuadrable na crítica política”, neste caso considera que existiu “unha posición concreta sobre un asunto concreto”. En maio de 2019, cando Villares era portavoz de En Marea, reclamou a dimisión do por entón director xeral de Enerxía e Minas, Angel Bernardo Tahoces, por “mentir” sobre a existencia dun xacemento romano afectado o parque eólico de Sasdónigas.

Os fallos do TSXG, avalados polo Tribunal Supremo, atópanse na actualidade en fase de execución, pois o parque eólico continúa en funcionamento, a pesar de que os proxectos foron anulados xudicialmente.

CRÍTICA “PARTICULARIZADA”

Por iso, o maxistrado do TSXG conclúe que a súa actividade como cargo público podería ser incluída no artigo da Lei Orgánica do Poder Xudicial que establece como causas de abstención e, no seu caso, de recusación, o feito de que o xuíz ou maxistrado ocupase “un cargo público ou administrativo con ocasión do cal puidese ter coñecemento do obxecto do litixio e formar criterio en detrimento da debida imparcialidade”.

Villares asegura que, neste caso, foi “informado de maneira singular por parte do colectivo de recorrentes no procedemento de impugnación da autorización da instalación”.

O maxistrado do TSXG engade que, durante algunha desas reunións, fixo manifestacións públicas sobre os concretos motivos de impugnación que afectaban o parque eólico Sasdónigas. “Nesa ocasión, a miña intervención non foi unha crítica política máis ou menos xeral, senón particularizada nun procedemento concreto que estaba xudicializado”, argumenta Villares, á vez que sinala que, por esa razón, entende que, vista a situación por parte dun observador imparcial, podería entenderse comprometida a súa imparcialidade.

ÚLTIMAS

O xuíz do ‘caso Alcoa’ alonga seis meses máis a investigación sobre a venda das plantas da Coruña e Avilés

O xuíz da Audiencia Nacional que investiga a querela que presentou en 2020 a Confederación...

Alcoa pide “flexibilidade” ao Goberno e sindicatos para “o éxito” da venda de San Cibrao

Alcoa advirte de que "o éxito" de venda do complexo de San Cibrao, no...

Ribadeo pon en marcha o programa ‘Unha escola, un horto’

O Concello pon en marcha o programa Unha escola, un horto en 4 centros...

Burela acolle o XIV Encontro de Palilleiras este sábado

O Concello de Burela acollerá este sábado, día 18 de maio, o seu XIV...